Biomasa Forestal comezará en xaneiro as obras da súa planta de biomasa, pellet en Santa Comba

Por: Biomasa Forestal S.L.  17/12/2007
Palabras clave: Pellets, Distribución Biomasa, Fabricación Biomasa,

Santiago, 30 de novembro de 2006.- A empresa Biomasa Forestal SL, que conta co apoio do programa Emprendedores do Igape, prevé comezar en xaneiro, en Santa Comba (A Coruña), as obras da súa planta de produción de combustible ecolóxico obtido dos residuos dos montes.Segundo o seu promotor, Javier Arosa, será a primeira empresa que transformará en Galicia biomasa forestal en combustible apto para caldeiras e chemineas. O enxeño agudízase para resistir diante do alza dos prezos do petróleo, para traballar, tamén, por un contorno sostible e con menos emisións de CO2. Javier Arosa botaba a voar a imaxinación cando era máis novo e ía pola empresa do seu pai, dedicada a cortar madeira. Intuía que aqueles restos sobrantes podían ter unha utilidade; que a biomasa forestal, as polas, as cortizas, os restos que quedan tras dunha corta forestal, poden ser empregados para elaborar combustible. “Por exemplo, en Suecia teñen unha demanda de 1.200.000 toneladas anuais desta biomasa para convertela en combustible”, apunta. Así que se funciona noutras partes do mundo, ¿porque non en Galicia?.Xurdiu deste xeito o embrión do que hoxe é Biomasa Forestal S.L., un proxecto que botará a andar o próximo mes de xaneiro. Un ano despois está previsto que da planta que se ubicará en Santa Comba (A Coruña), e que dará emprego en principio a oito persoas e a medio prazo a vinte, saia unha produción de non menos de 8.000 toneladas anuais de combustible para calefacción doméstica e industrial. “Habería que realizar leves modificacións sobre as actuais caldeiras e, para consumos grandes, o conveniente sería cambialas, pero nos dous casos é rendible porque o combustible é moito máis barato que o gas ou o gasóleo. Trátase dunha opción interesante para grandes consumidores”, sinala Javier Arosa. Apoios para o investimentoPero que un emprendedor saque adiante un proxecto destas características require un investimento de catro millóns de euros. É preciso, xa que logo, atopar apoios. Un deles, quizais o máis importante, é o do Igape. “Apoiáronme en dous aspectos -relata Javier Arosa-; no económico, cunha subvención que chega ao 40% do investimento, e na planificación do negocio, coa colaboración de BIC Galicia na elaboración dun plan de empresa que me serviu para traspasar a idea da miña cabeza ao papel e que me ensinou a recoñecer a empresa que quería constituir”. Tamén co Instituto Enerxético de Galicia (INEGA). Outros apoios teñen un carácter máis técnico, no que se refire á participación de profesionais con experiencia no sector das novas tecnoloxías, a instalación de caldeiras ou a procura de saídas comerciais. Porque o esencial, explica o emprendedor, é dar a entender que non estamos só diante dunha alternativa limpa senón tamén útil e barata. É a loita dos pioneiros. Previsións de cara ao futuro Segundo Javier Arosa, cinco empresas producen biomasa forestal en España a partir dos restos da primeira transformación da madeira, pero ninguén o fai, como se fará desde Santa Comba, a partir da primeira explotación forestal. É un terreo sen explotar e este emprendedor coñéceo ben. Por iso se embarca nesta aventura, máis aló de que os custos iniciais sexan elevados. “Investimos sobre todo en maquinaria”, explica. Necesita un enxeño que recolecte gallas, troncos, desfeitos de madeira que campan polo monte ou os bosques e ten que importalo desde Escandinavia, onde este tipo de recolección é máis habitual. Esa madeira que aquí ninguén quere é ouro para Biomasa Forestal que, tras tratala, a convertirá en “pellet”, un tipo de combustible que se presenta en forma de boliñas ou barriñas de madeira, que ocupa pouco, o que redunda na fabricación de estufas e caldeiras de menor tamaño, e que ten a vantaxe de que é dosificable polos propios calefactores. “O principal problema que temos que resolver é o de lograr un fornezo continuo de residuo forestal, pero paliarémolo co coñecemento que temos do sector forestal e o uso dunha boa maquinaria”, asegura Javier Arosa antes de trazar unha previsión de futuro. “A idea é que en cinco anos, unha vez familiarizados coas máquinas e o proceso, poidamos acadar unha produción de 30.000 toneladas. Comercializarémola en sacos de 15 quilos destinados a combustible para chemineas ou caldeiras pequenas e a granel para grandes cantidades. O que pretendemos é que nese prazo de cinco anos logremos xerar un autoconsumo en Galicia”.

Palabras clave: Distribución Biomasa, Fabricación Biomasa, Pellets,

Ponte en contacto con Biomasa Forestal S.L.

Correo electrónico

Imprimir ésta página